Thursday 16 de May de 2024

Case 300 traballos de sete centros educativos presentados á XXIV Edición do Certame Literario das Letras Galegas


O Auditorio foi escenario hoxe da entrega de premios

Un ano máis, o Auditorio Municipal de Riveira foi escenario da celebración dunha nova edición do Certame Literario das Letras Galegas: a número 24 nada menos, e para tal ocasión o salón de actos encheuse por completo con máis de 270 nenos que non se quixeron perder detalle do evento.

A actividade, promovida conxuntamente polas concellerías de Educación e Cultura, comezou cunha actuación do grupo Os Tres Tenedores que, co seu espectáculo cómico-musical “Cocido”, levantou constantemente aos rapaces dos asentos.

A continuación tiña lugar a entrega de premios para distinguir ás mellores creacións escolares nas categorías de prosa, verso e banda deseñada entre alumnos con idades de 7 a 13 anos. Presentáronse un total de 298 traballos de sete centros do municipio: Heroínas de Sálvora de Aguiño, Palmeira, O Grupo, Artes, Galaxia, Olveira e Frións. Dezaoito foron os distinguidos, máis unha mención especial na modalidade de prosa de 10 a 13 anos.

As concelleiras Herminia Pouso e Fabiola García foron as encargadas de entregar os premios e diplomas aos galardoados, ademais de lotes de libros aos centros educativos participantes que foron recollidos polos profesores presentes.